Os días de calmeiro

Sodes moitas as que sabedes que este ano (outubro 2023- outubro 2024) foi durísimo en IriaStudio: púxenme a estudar o máster en tradución médico-sanitaria na UJI, intentei non baixar o ritmo de traballo, tiven unha alumna do grado en Tradución e Interpretación da VIU en prácticas (como veño facendo desde 2019) e fixen tres cursos (un sobre dereitos de autor, outro sobre o libro ilustrado e o terceiro de LIX).

Superei estes doce meses, pero non sei se pagou a pena o esforzo tan grande. O físico resentiuse, tiven tres lesións musculares que me obrigaron a baixar o ritmo de adestramento. Unha desas lesións aínda está remitindo, estou moito mellor, pero ollo que foron doce meses cunha lesión dolorosa e incapacitante no ombreiro, pagando distintos fisioterapeutas pola miña conta e escoitando diagnósticos diversos (que dan perfectamente para unha entrada de seu no blog).

Agora chegou a fin dese ciclo: acabei o máster, Carmen acabou as prácticas e rematei tamén os tres cursos, e sinto unha mestura de ledicia e tristura, un vacío incómodo. Esperaba sentirme liberada, feliz e viva, porén todo o que sinto é que preciso un tempo de adaptación a estes días de calmeiro.

Afortunadamente hai novos proxectos en marcha, proxectos inmensos, desafiadores, que agardo que saian ben e non me leven por diante. Hai proxectos de vello, de clientes que seguen ao meu carón, e tamén hai preocupación polo futuro, pola evolución do sector.

Mais hoxe non toca esa análise, hoxe toca tomar aire e tirar para diante, co peto cheo de coñecementos e de esperanza. Imos aló!

error: El contenido está protegido ;)
Scroll al inicio